2181
0
COMPARTILHAR
Inicio Do outro mundo Porto visto p...

Porto visto por Armando Requeixo

Porto visto por Armando Requeixo

0
2181

ARMANDO REQUEIXO nasceu em Mondoñedo, uma localidade na provincia de Lugo. Com poucos dias de vida foi levado para Barcelona onde os pais estavam emigrados. Aos 13 anos regressa a Galiza para aí se manter, vivendo atualmente em Santiago de Compostela. A tradição literária da sua terra fez com que se interesase desde moi novo pola literatura. Diz que: medrei léndoos a todos (escritores locais) e oíndo falar deles familiarmente. Não admira, por isso, que seja doutor em filologia galega. Visita o Porto com frequência e quando regessa vai cunha sensación do máis agradable.

Por Paulo Moreira Lopes

1 – Data e lugar de nacemento?

Nacín o 14 de xuño de 1971 en Mondoñedo, unha localidade do norte da provincia de Lugo, moi próxima ao Mar Cantábrico. En tempos foi capital do Antigo Reino de Galicia e, por iso mesmo, conserva o título de cidade histórica que lle concedeu o rei Afonso VII no século XII, aínda que hoxe é unha vila de apenas catro mil habitantes. Posúe un patrimonio monumental, artístico e, particularmente literario, moi relevante, pois ten unha impoñente catedral (é co-sede dun bispado, o de Mondoñedo-Ferrol), un gran Seminario e nela naceron persoeiros moi destacados da Historia de Galicia, como Pascual Veiga, autor da música do himno galego, ou Álvaro Cunqueiro, un dos máis importantes escritores da literatura galega e castelá do século XX.

2 – Até hoxe, en que cidades tes vivido permanentemente?

Aínda que nacín en Mondoñedo, aos vinte e dous días de vida leváronme a Barcelona, onde meus pais eran emigrantes. Alí vivín a infancia e primeira adolescencia, ata que tiven 13 anos. Por ese tempo, meus pais retornaron á Galiza, así que a miña mocidade paseina toda en Mondoñedo, onde estudei desde o último curso da Primaria ata o remate do bacharelato. Cando acabei o Ensino Medio, con dezaoito anos, marchei estudar os primeiros cursos da carreira ao Colexio Universitario de Lugo, no que permanecín tres anos. Despois, rematei os estudos na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, á que cheguei cando tiña vinte e un anos e onde estiven dous cursos máis ata licenciarme en Filoloxía Galego-Portuguesa en 1994, con vinte e tres anos. Unha vez acabados os meus estudos universitarios, fiquei na área urbana de Santiago, onde moro aínda.

3 – Nivel de estudos?

Son doutor en Filoloxía Galega pola USC.

4 – Actividade profesional?

Fun docente de Ensino Medio durante case vinte anos en diversas localidades da Galiza. Actualmente traballo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia, do que son o seu secretario científico, amais de director de proxectos de investigación. Tamén si, son profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

5 – A cidade na que naciches, influíu na túa dedicación literaria?

Moito. É preciso recordar que en Mondoñedo viron a luz voces fundamentais da Historia da Literatura Galega, como os poetas do tránsito do XIX ao XX Manuel Leiras Pulpeiro e Antonio Noriega Varela (este último tan vinculado a Portugal e os poetas portugueses, pois inclusive foi membro do Instituto Histórico do Minho), amais de eruditos como Eduardo Lence-Santar e outros autores do pasado século, como o xornalista e tamén poeta Xosé Díaz Jácome e, sobre todo, o grande Álvaro Cunqueiro, ao que xa me referín, ademais de Marina Mayoral, a voz máis importante das letras mindonienses na actualidade. Con esta tradición, é lóxico que me interesase desde moi novo pola literatura, pois medrei léndoos a todos e oíndo falar deles familiarmente.

6 – Cando pensas na cidade do Porto, que lembras de inmediato?

Unha cachoeira de lembranzas literarias: o Amor de perdição de Camilo Castelo Branco, que se escribiu nesta cidade, a mesma que serviu de inspiración a Almeida Garret para o Arco de Sant’Ana, a Raul Brandão para Os pescadores e as súas Memórias e a Eugénio de Andrade para Daqui houve nome Portugal.

Evidentemente, tamén a impresionante Livraria Lello, a Rua Santa Catarina e o Majestic e moitos outros lugares emblemáticos da cidade, mais, sobre todo, é a cidade dos meus amigos José António Gomes e João Manuel Ribeiro, dous dos mellores autores da literatura portuguesa dos últimos lustros.

7 – Tes visitado Porto xa? Por que causa e cal foi a túa impresión sobre a cidade e a rexión?

Si, visitei Porto en varias ocasións, algunhas por lecer e outras por ocupacións profesionais, mais sempre regresei á Galiza cunha sensación do máis agradable, non só polo fascinante da cidade, senón tamén pola hospitalidade das súas xentes.

8 – En que dirección de páxina web/blog podemos seguirte?

Dende o 2011 manteño na Rede o blog Criticalia, no que dou cabida a recensións de novidades editoriais e escribo sobre diversas cuestións relacionadas coa literatura galega. O blog pode consultarse aquí: http://armandorequeixo.blogaliza.org/

Partilha

DEIXE UMA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here